VOZ DE GALICIA (2004)

LA VOZ DE GALICIA

Jueves, 1 de Julio de 2004

«Piratas son eles, que abordan a tiros un barco en augas libres»

Antonio Vidal, para os pescadores legais o pirata máis activo do Índico, defende que o seu barco foi apresado ilegalmente e afirma que loitará ata o final para demostralo


(Espe Abuín | redacción)

Antonio Vidal (Ribeira 1952) admite que non é un santo e que houbo un tempo no que roubou peixe, pero como tamén o fixeron moitos outros que agora se autoproclaman pescadores legais e blanden espurias razóns ecoloxistas coa única intención de defender os seus propios intereses e alonxar á competencia.

—¿Por que apresaron ó «Apache»?

-Non o sei. Aínda non nos dixeron os cargos que nos imputan e nós non podemos contactar co barco, porque os franceses cortaron as comunicacións.

-O barco non ten permiso de pesca pero levaba peixe dentro. ¿Como o explica?

-Certo que non ten, pero tampouco estaba pescando. O Apache tiña antes bandeira americana e licenza para traballar en augas internacionais. O peixe que levaba é de entón, porque non o descargou. Iso é fácil de comprobar facéndolle a proba do ADN: non é o mesmo a merluza da Antártida que a do Índico.

-¿Por que o seu nome aparece sempre vinculado á pesca pirata?

-Eu non son pirata. Piratas son eles, que abordan a tiros un barco en augas libres sen decir por que. ¿Pero como vou meter a roubar un barco que me valeu seis millóns de euros? ¿Para que mo leven? Estaría tolo. Todas esas acusacións responden a intereses creados de empresas como Pescanova e algunhas máis que queren seguir tendo a explotación da merluza negra en exclusiva. Os pescadores legais botan pola súa boca o que queren e acusan a quen queren. ¿Por que? Porque non queren que ninguén vaia coller ese peixe. ¿Son eu pirata ou o son eles? Hai tamén unha mafia legal: as organizacións que acaparan os cupos e exclúen aos demais por sistema.?

-¿É unha pesquería moi rentable?

-Foi rentable no seu momento porque había moito peixe en tódolos sitios. Agora non o é tanto, pero é unha saída para os que non temos onde mandar os barcos. Se fas un buque en España, aínda que sexa sen subvención, tes que comprar un desguace e, por riba, non che dan licencia para pescar en augas libres. Entón, os que vivimos disto toda a vida, temos que buscar outras alternativas.

-¿E cales son?

-Abandeirar noutros países onde nos deixen traballar. Non imos tirar con todo o que levamos feito de toda a vida, aínda que cada vez dan máis ganas de pechar, sentíndoo moito polos casi 500 traballadores que temos.

-O caso é que xa lle colleron varios barcos. O «Camouco»…

-O Camouco sí… Eu admito que o Camouco traballou na zona francesa e leváronno. A partir de aí non entramos máis.

-E o «Viarsa»…

-O do Viarsa é distinto porque estaba alquilado a unha empresa uruguaya. O barco é meu e non sei o que vai pasar con el. Vai facer dez meses que está alí e non lle da saído o xuicio. Levamos xa sete ou oito aplazamentos pedidos polo fiscal para recopilar probas, pero, de momento, sigue tendo as mesmas que o primeiro día: ningunha.

[email protected]